Friday 26 de April de 2024

O Concello de Malpica destina 20.000 euros para axudas a entidades sen ánimo de lucro do municipio


• As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia. A convocatoria abrirase nos vindeiros días e deberá realizarse a través do Rexistro Electrónico do Concello.

• Estas subvencións teñen o obxectivo de dinamizar todo tipo de actividades culturais que se realicen no termo municipal.

O Concello de Malpica destina unha partida de 20.000 euros en axudas para entidades sen ánimo de lucro do municipio co obxectivo de dinamizar o asociacionismo e a cultura entre a veciñanza.

As bases reguladoras xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do martes 26 de outubro. A convocatoria abrirase nos vindeiros días e deberá tramitarse a través do Rexistro Electrónico a través da ligazón https://sede.malpicadebergantinos.es/opencms/gl/.

Deste xeito, subvencionaranse todo tipo de actividades culturais que se realicen no ámbito xeográfico do municipio, así como gastos de funcionamento de entidades culturais con sede no Concello.

“Trátase dunha convocatoria dunha enorme importancia para o tecido asociativo do municipio e, por extensión, para as opcións de ocio e cultura da nosa veciñanza”, explicou a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro. Neste sentido, asegurou que “un dos principais obxectivos do goberno local é potenciar o sector cultural do noso municipio xa existente e seguir ampliando a base para acoller ao maior número de persoas posible”, engadiu.